Mestura de Cultura e Lecer: Preténdese crear un espazo para a convivencia cordial.
Un ámbito para a cultura galega e o goce dos nosos viños.
1ª Sesión: MARUJA MALLO
(Maruja Mallo. Viveiro, 1902 / Madrid, 1995)
Condutores da Sesión: Xavier Castro e Uxía Blanco
Lugar: Cafetería do Liceo Ourense (Rúa Lamas Carvajal, 5).
Data: Martes, 08 de Outubro, ás 20 horas.
Adega invitada: Arco da Vella (Beade – Ribadavia (D.O. Ribeiro)
PRESENTACIÓN:
A primeira sesión das Xornadas sobre Viño e Cultura Galega, que contan coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, está dedicada a glosar a traxectoria vital e a obra da artista galega Maruja Mallo, caracterizada polo seu talante persoal innovador e a súa obra pictórica vangardista, en permanente evolución e constante procura de novas formas de expresión. Foi admirada por Ortega y Gasset, Gómez de la Serna, Lorca, André Bretón e Paul Éluard, e gozou dun amplo recoñecemento internacional, do que da testemuña o feito de que a súa obra forme parte das coleccións dos museos máis emblemáticos.
Mais convén tamén mollar a palabra e, deste xeito, as glosas e comentarios dos condutores das Xornadas, Xavier Castro e Uxía Blanco, iranse entreverando coa degustación dos viños da bitolaArco da Vella, que elabora uns caldos artesáns de salientable calidade con uvas procedentes das propias cepas centenarias, situadas en Beade – Ribadavia (na Denominación de Orixe Ribeiro). Deste xeito, a familia de adegueiros que puxo en pé Arco da Vella ven practicando o amor polos viñedos dende hai varias xeracións, desterrando da súa práctica vitícola o emprego de productos herbicidas e pesticidas. Súmase a isto a concienzuda aplicación na elaboración dos seus viños, e así é como consegue obter uns productos naturais de singulares características organolécticas que polo recendo, cor e padal fan que, con todo merecemento, os podamos inxerir na mellor xinea dos grandes ribeiros tradicionais, que estes adegueiros foron quen de preservar tan cumpridamente. Presentará esta adega o tinto Tarabelo, de cor bermella de cereixa, redondo, largacío e de gorentoso recendo, e non faltará tampouco un branco de resonancias célticas, Torque do Castro, de cabal intensidade, pleno e de prolongado post gusto.
Agora ben, como sinalaba Otero Pedrayo, non é posible entender a Galicia do viño sen a Galicia do pan. Consecuentemente, serviranse petiscos de pan de Cea cun compango de friames de porco celta e un queixo galego de calidade, que a todo isto da dereito a inscrición que se efectuará na propia cafetería do Liceo de Ourense, en días previos ou ben media hora antes da sesión (prezo: 8 euros socios, e 10 non socios).