O actor analizou a figura do dramaturgo ao que se lle dedicou este ano o Día das Letras Galegas

Candido Pazó: «É necesario combinar as sombras e luces de Vidal Bolaño para ver a súa figura completa»
A conferencia enmárcase no «XI Ciclo de conferencias Visións de Galicia» que se celebra no Liceo


 

Actividade: Conferencia sobre Roberto Vidal Bolaño.

Ponente: Cándido Pazó.

Lugar: Salón Noble do Liceo.

Data: Martes, 28 de maio.

Organizan: Sección de Literatura do Liceo e Vicerreitoría do Campus de Ourense con motivo do «XI Ciclo de Conferencias Visións de Galicia».

Ourense, 28 de maio de 2013

Cándido Pazó é un ser do teatro, da escena, un contador de historias e feiticeiro do verbo que, nesta ocasión acudiu ao Salón Noble do Liceo para dar unha conferencia sobre Roberto Vidal Bolaño, o gran dramaturgo galego ao que neste ano 2013 se lle dedicou o Día das Letras Galegas.

 

Fixóo dende unha postura que el mesmo considera intermedia, «xa que non son un grande experto de Roberto Vidal Bolaño como o son os eruditos que fixeron estudios sobre a súa vida e obra, nin tampouco son unha persona tan achegada como o puideron ser a súa dona, fillo ou os amigos cos que saía de bares. Son un observador da súa obra e a súa figura, eu cheguei a coñecelo e o meu aporte pódese definir como unha visión que se enmarca entre a parte erudita, a máis fria, e a emocional», declarou.

 

Luces e sombras (sombras e luces)

Vidal Bolaño foi un home de luces e sombras (ou sombras e luces), e iso non implica forzosamente referirse a aspectos positivos e negativos, simplemente que é necesaria a combinación das dúas para ver a figura completa. «Eu penso -explicou Cándido Pazó- que é moi importante que existan as sombras, xa que cando todo é luz, as cousas aplananse e non se recoñecen e Vidal Bolaño é unha conxunción de ambas». E nese senso e nese xogo de claro-oscuros (oscuros-claros) transcurriu gran parte da conferencia.

 

O dramaturgo escribiu textos moi duros, «e os que acudían a ver as súas obras debían facelo tendo en mente o que se ían atopar. Escenas moi críticas, agudas, sobre a situación do país e a estaba a ocorrer. Esto chegaba a ser cansino, porque aínda que realidade era esa, a xente necesitaba un respiro». Nos 90 isto mudou, e «aparece a luz nas obras de Vidal Bolaño. Os textos seguen a ser criticos, pero a relación co público pasa a ser máis cercana, máis amena e os seus espectáculos son vistos polo espectador con auténtico pracer».

 

O máis grande do teatro galego

 

Roberto Vidal Bolaño está considerado como un dos grandes da dramaturxia galega, pero Pazó vai máis alá. «Para min é o autor de teatro máis importante de Galicia de todos os tempos, e iso inclúe a autores recoñecidos como Eduardo Blanco Amor ou Castelao coa súa peza de teatro. Cando lle mete luz ás súas obras podemos ver un escritor de gran nivel en toda España que, si non chegou a resoar como outros autores debeuse a que escribiu en galego e o campo ao que pode chegar é menor».

 

Afirmou Cándido Pazó que a figura de Vidal Bolaño non nos é tan lonxana, de feito o Día das Letras Galegas dedicouselle tan só 10 anos despois do seu falecemento. «Estou seguro que, seguindo na liña dos seus últimos textos, podería haber chegado a escribir pezas dunha dimensión tal que acabarían por superar as fronteiras físicas e idiomáticas do país».

 

Un enfoque diferente e cercano

 

Cándido Pazó, dende a súa «humilde aportación», como el mesmo define a conferencia, abrangueu con maestría a vida e obra de Vidal Bolaño, cun enfoque diferente, cercano, que se alonxa das clásicas e tediosas biografías facendo que os asistentes coñezan un pouco máis dun dos grandes autores das nosas letras «dunha maneira como a el lle gustaría ser recordado».

 

As últimas verbas da conferencia forón para lembrar que «tardará moito e será moi difícil que apareza unha figura que se poida equiparar á de Roberto Vidal Bolaño».

 

O acto estivo organizado pola Sección de Literatura do Liceo e a Vicerreitoría do Campus de Ourense con motivo do XI Ciclo de Conferencias Visións de Galicia.

 

Texto: Mónica Vázquez.

Fotos: Israel Elíaz.

Por liceo

El Liceo de Ourense es una Sociedad Cultural fundada el 3 de marzo de 1850.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *