Información de TEMPO DE LECER.

http://www.tempodelecerourense.com/novas/consultar/1136/vivir_ten_por_forza_que_ser_outra_cousa.

 

O Liceo acolleu este venres os actos do Día das Letras Galegas en homenaxe a Roberto Vidal Bolaño

«Vivir ten, por forza, que ser outra cousa…»
No marco da programación, Teatro Antroido presentou o xoves no Auditorio a obra: «BailadELAS»

 

Actividade: Celebración do Día das Letras Galegas.

Data: Venres, 17 de maio de 2013.

Lugar: Liceo (Ourense).

Organiza: Asociación Pro-Centenario de Nós 2020 coa colaboración do Concello de Ourense e da Deputación provincial.

Dato de interese: O xoves, 16 de maio, Teatro Antroido presentou no Auditorio de Ourense a obra «BailadELAS», sobre textos de Vidal Bolaño.

Ourense, 17 de maio de 2013
As Letras Galegas vestíronse este ano cun chapeu e cun nariz vermello para lembrar a quen fora o pioneiro da dramaturxia profesional no noso país: Roberto Vidal Bolaño (Santiago de Compostela, 1950 – 2002), un dos nosos autores, directores e actores máis queridos e recoñecidos. Ourense sumouse á conmemoración da efeméride cun programa de actividades que se desenvolveu no Liceo, da man da Asociación Pro-Centenario de Nós 2020, o Concello de Ourense e a Deputación provincial, que quixeron deste xeito organizar un acto conxunto na honra do dramaturgo. 

O programa comezou ás once e media da mañá coa actuación da Aula de Teatro Universitaria Cordelia, que puxo en escena a obra: Roberto Vidal Bolaño 2013, baseada nunha selección de textos do autor realizada por Elena Seijo e Fina Calleja. Segundo explicaron, o elenco maioritariamente feminino deste segundo nivel da Aula de Teatro condicionou a selección dos textos buscando os personaxes femininos máis emblemáticos do autor. As obras escollidas foron Saxo Tenor, «con toda a súa galería de personaxes femininos» e Esther, de Rastros, «que desdobramos en sete actrices».

 

Os personaxes de Vidal Bolaño

 

Na posta en escena de Cordelia, os espectadores poideron ver unha pincelada dos personaxes creados por Vidal Bolaño, «moi irónicos, pero nos que hai tamén unha lectura moi desesperanzada». Despois de estudar moi polo miúdo a obra de Bolaño para poder facer a posta en escena, Elena Seijo e Fina Calleja coinciden en sinalar que o augor «elixe personaxes que son anti-heroes, que viven á marxe da sociedade ou que non conseguiron o que se esperaba deles, todo iso coa ideoloxía propia de Roberto, que non casaba con ninguén».

 

Os actores e actrices de Cordelia deron vida, xa que logo, a unha galería de personaxes «moi desesperanzados, moi ao límite e cuns conflictos persoais moi potentes» e amosaron tamén, coas súas interpretacións, algúns dos grandes temas do autor na súa obra. Segundo explican Seijo e Calleja, «en toda a súa obra pervive un fío conductor: Unha crítica feroz contra o poder e un posicionamento cara o máis debil, o máis apartado pero, á súa vez, este tamén é obxecto de crítica».

 

Elena Seijo e Fina Calleja coincidiron tamén en valorar moi positivamente o feito de que as Letras Galegas deste ano 2013 se dediquen a un home do teatro. Segundo Elena Seijo, «todo o que sexa apoiar a dramaturxia galega é fundamental para este país». Fina Calleja valora tamén a iniciativa da Real Academia Galega, pero amosa a súa esperanza de que isto non quede aquí, «porque hai outros moitos dramaturgos que merecen tamén este recoñecemento», asegura.

 

Concerto coral no Salón Nobre do Liceo

 

A xornada continuou cun concerto coral no Salón Nobre do Liceo protagonizado polo Coro da Universidade de Vigo e pola Capela Madrigalista de Ourense. O Coro da Universidade de Vigo cantou baixo a dirección de Nuria Lorenzo para interpretar as obras: Airiños, Aires; Maruxiña Poppins e O Moucho; os membros da Capela Madrigalista cantaron: Segredo, Lela O Cuco, dirixidos por Julio Domínguez. A actuación rematou coa interpretación conxunta de Cada Noite.

 

Os actos continuaron pola tarde coa celebración dunhas conversas sobre a figura de Vidal Bolaño. Pola noite houbo unha cea por un teatro popular e o concerto tenor de All Latin Jazz.

 

 

Texto: Raquel Feijóo.

Fotos: Israel Elíaz.

Por liceo

El Liceo de Ourense es una Sociedad Cultural fundada el 3 de marzo de 1850.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *