O Liceo de Ourense acolle durante os días 17 e 18 de xaneiro a celebración do 1º Foro de Inversores «Ourense Capital Termal», unha actividade organizada polo Concello de Ourense co financiamento do Instituto de Turismo de España que ten por obxectivo atraer a novos inversores á cidade. A principal finalidade do encontro é posibilitar a concreción de proxectos de investimento privado para contribuír á creación de riqueza e posibilitar a xeración de emprego na cidade.
Entre os asistentes figuran inversores nacionais e internacionais, de países coma Venezuela, Brasil ou Portugal, empresarios hosteleiros vencellados ao sector termal, representantes e directivos de sociedades de inversión, empresas de turismo, urbanismo e arquitectura, directivos comerciais e inmobiliarios ou avogados.
O foro acollerá a máis de 50 profesionais do sector termal e outros tantos técnicos locais e nacionais que exporán e darán a coñecer as potencialidades de Ourense coma destino de inversión termal.