Presentación do libro  A noite branca  de Francisco X. Fernández Naval

 

 

O acto, que contará coa participación de Luís Manuel García Mañá,

Xosé M. Núñez Seixas (LMU, Múnich), que intervirá a través de skype,

Fran Alonso e o autor,terá lugar o venres, 14 de decembro, ás 20,00 horas,

no Salón Noble do Liceo de Ourense, rúa Valentín Lamas Carvajal, 5 Ourense.

 

Acompañamento musical de José Luis Fernández Carnicero.

 

 

Ao remate servirase un viño ofrecido por Colección Costeira.

 

«A noite branca» de Francisco X. Fernández Naval
A noite branca é unha novela de gran calado, de lectura seductora e decisiva
na traxectoria literaria de Fernández Naval.
Marcos sente a necesidade de coñecer e contar unha parte esquecida do seu pasado familiar cando descobre varias fotografías e un feixe de cartas escritas por un voluntario da División Azul, enviadas desde a fronte rusa en 1941, e atopadas no interior dunha caixa de marmelo.
Coa axuda da súa nai, o escritor inicia un proceso de investigación e de recuperación da memoria que o leva desde A Habana da emigración galega ata a fronte do río Volchov e o cerco de Leningrado, atravesando a Europa sacudida pola II Guerra Mundial.
Catro voces van debullando un conxunto de historias entretecidas, que son protagonizadas por unha galería de personaxes entre os que destacan Alfredo, o autor das cartas; a súa nai María Luísa; os membros do pelotón do que el forma parte; cidadáns rusos atrapados pola crueldade da guerra; nenos, exiliados republicanos; xudeus e soldados alemáns que son testemuñas da viaxe da División cara á fronte do leste.
Coa ribeira do Miño como centro e un mundo convulso como escenario, Fernández Naval constrúe en A noite branca unha narración emocionante, intensa, que lle permite recobrar personaxes e xeografías da súa primeira novela O bosque das antas (Premio Xerais 1988). A noite branca é unha novela de gran calado, de lectura seductora e decisiva na traxectoria literaria de Fernández Naval.
 
Francisco X. Fernández Naval (Ourense,1956) é poeta e narrador. Recibiu o Premio Cidade de Ourense de poesía en 1980 e en 2007 polos libros A fonte abagañada e Miño, respectivamente;  o Premio Xerais de Novela en 1988 pola obra O bosque das antas e o Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño 2010 por Bater de sombras. É autor dunha ampla obra en galego, que inclúe poesía, novela, relatos, ensaio, literatura infantil, xuvenil e de viaxes, guións cinematográficos e teatro. Algunhas das súas obras traducíronse a linguas como o castelán, éuscaro, catalán, francés, árabe e portugués.

 

Por liceo

El Liceo de Ourense es una Sociedad Cultural fundada el 3 de marzo de 1850.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *