O Liceo de Ourense acolleu este mércores unha charla-coloquio de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, titulada O campus de Ourense e o Campus Auga, comprometidos co futuro da provincia, organizada polo Foro Liceo coa colaboración da UVigo. Nela, o responsable académico analizou os retos inmediatos deste campus, con especial énfase no seu crecemento, subliñando a súa “extraordinaria vitalidade” e o seu “futuro prometedor”.

Na presentación da conferencia, Javier Casares, presidente do Liceo de Ourense, lembrou que o Foro Liceo está integrado por “colexio profesionais, colectivos comerciais e empresariais e polo campus de Ourense” e que desde 2018 elabora documentos que estudan a situación da cidade e a provincia en distintas áreas, entre elas a universitaria, incluíndose esta conferencia nesta liña de traballo. Pola súa banda, Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense, agradeceu ao Foro Liceo o seu traballo “a prol do futuro do campus” e destacou o interese de que a sociedade ourensá e os seus axentes coñecesen “de primeira man” nesta charla os proxectos de futuro que ten a UVigo en Ourense. Neste senso, Claudio Cerdeiriña, profesor da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e moderador da charla, subliñou a pertinencia da celebración deste acto “nun lugar tan emblematicamente ourensán” como o Liceo tendo en conta “o momento no que nos atopamos no desenvolvemento do campus”, tras a implantación de novas titulacións e a creación de varios institutos de investigación.

Á charla asistiron representantes de numerosas institucións e entidades da cidade e a provincia, entre elas Emilio González, subdelegado do Goberno en Ourense; César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense; Armando Ojea, tenente alcalde da cidade de Ourense, e Cecilio Santalices, xefe de Servizo de Promoción e Difusión Cultural en Xunta de Galicia, ademais de membros do Foro Liceo e representantes das diferentes formacións e grupos políticos. Tamén asistiron membros da comunidade universitaria, como os responsables das facultades e escolas dos campus.

Do alumnado aos edificios

Manuel Reigosa comezou a súa intervención poñendo en valor o posicionamento da Universidade de Vigo como “universidade pública galega e de calidade”. Neste marco, indicou, “pensamos que a universidade non pode estar en ningún momento de costas á sociedade, que temos a obriga de colaborar con todos e por suposto de render contas dos nosos resultados á cidadanía, porque ao fin e ao cabo a meirande parte dos cartos que fan posible esta universidade saen dos impostos que pagan as galegas e galegos”. O reitor recalcou que “o desenvolvemento do campus de Ourense fainos sentir moi orgullosos do traballo que fan as persoas que o compoñen” e amosouse moi “esperanzado” co seu futuro, aínda que coa cautela que supón o reto demográfico. “O campus de Ourense ten titulacións moi atractivas, estanse a facer as cousas moi ben por parte de todo o mundo e o seu futuro é un futuro prometedor”, dixo. O responsable académico convidou ao público asistente “a mirar con ollos novos o campus”, un “campus realmente prometedor, un campus que xa é unha realidade feita co traballo, co suor, co esforzo de moitas persoas tanto do eido universitario como do eido da política e por suposto das empresas. Temos un campus que ten unha serie de retos pero que xa é unha realidade incontrovertible”.

Ao longo da súa intervención, o reitor ofreceu toda unha panorámica sobre a actual situación e retos de futuro do campus de Ourense nos diferentes eidos de actuación. No seu primeiro mandato, lembrou Manuel Reigosa, o programa de goberno da UVigo centrouse nas persoas, nos recursos humanos, e deixou “un pouco de lado o ladrillo”, destacando entre os seus froitos a calidade da produción científica e das titulacións e a retención e atracción de talento, que no caso de Ourense, dixo, viuse complementado coa construción da planta piloto e do CACTI no edificio Campus Auga. Respecto ao alumnado subliñou que “todos o campus galegos están perdendo estudantado agás o de Ourense, que medra”, apuntando a súa taxa de ocupación, do 101% este curso académico.

Entre os retos que se están afrontando e que se afrontarán os vindeiros anos en Ourense, o reitor enumerou aspectos como a implantación do seguintes cursos do grao de Relacións Internacionais e do grao e mestrado en Intelixencia Artificial, postos en marcha este curso académico, ademais de abordar o desligamento do primeiro deles, que naceu con carácter interuniversitario. Tamén falou dos avances para a creación da facultade de Enfermaría e da posta en marcha do seu mestrado e amosou a súa confianza no arranque o vindeiro curso académico do agardado Mestrado en Aeronáutica. Igualmente anticipou que se traballará na posta en marcha de novos programas conxuntos entre titulacións, recalcando o potencial de Relacións Internacionais neste eido, e dun grao aberto de tecnoloxías. Neste senso, Reigosa puxo en valor “todo o talento que está chegando” a Ourense con estas titulacións e as xa existentes e como parte deste alumnado, cando remate a súa carreira, poderá quedar na cidade e provincia e crear tecido empresarial. Ademais, amosou a súa confianza en ampliar o mapa de titulacións deste campus cando se abran as negociacións do mapa galego.

Todas estas necesidades presentes e futuras, dixo o reitor da UVigo, “fanos necesario medrar”. Neste senso lembrou que xa está en marcha o concurso de ideas para a construción dun edificio para Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, que estará situado ao carón da escola infantil do campus, e que permitirá agrupar nun só edificio a docencia e investigación deste centro, agora repartida. Cando este edificio estea operativo, indicou, será o momento de abordar a “reformulación dos espazos do campus”. Neste punto tamén afondou na aposta polo creación dun edificio novo para a titulación de Intelixencia Artificial. “Nós non temos onde pór este edificio; nós podemos pedir os cartos á Xunta, podemos tamén sacar cartos do peto, porque temos unha situación económica desafogada, pero non temos onde poñelo”, dixo Manuel Reigosa. Neste contexto, o reitor  sinalou que “pensamos que neste momento hai unha oportunidade óptima para que medre o campus de Ourense”, apuntando o desexo da institución académica de ter un espazo dentro da parcela situada entre a residencia universitaria e o Edificio Politécnico, onde está prevista a construción dun edificio da Xunta de Galicia. “Polo de agora, temos unha oferta moi xenerosa do Concello de Ourense para que espazos que eles teñen dentro desa parcela poidan reverterse á Universidade, polo tanto polos á nosa disposición, e hai unha aprobación por parte da Deputación de Ourense de 1,2 millóns de euros para mercar espazos para esta ubicación”, detallou o responsable académico. Segundo dixo Manuel Reigosa, “a situación ideal” sería contar cun espazo nesa parcela e que se soterrase parte da zona que a une ao campus. “Pensando no campus de dentro de 20 ou 30 anos temos unha oportunidade que eu lle pido humildemente aos representantes políticos que apoien para que poidamos ter ese campus unitario, unido, e que poida ser unha fonte de atracción para o alumnado”, afirmou o responsable académico.

Na súa detallada análise, o reitor tamén abordou retos como a creación recentemente dos institutos de Física e Ciencias Aeroespaciais e de Agroecoloxía e Alimentación; as instalacións de enerxías renovables levadas a cabo co apoio do Inega e da Xunta ou os avances no proxecto de especialización do Campus Auga, onde amosou a súa confianza en que acade a súa acreditación por parte da Xunta de Galicia.

Por liceo

El Liceo de Ourense es una Sociedad Cultural fundada el 3 de marzo de 1850.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *