IMG_20160516_121308 IMG_20160516_121051 IMG_20160516_121259 IMG_20160516_120936 IMG_20160516_121103

Nova Galicia Edicións rescata Conversas con Manuel María, con fragmentos da entrevista co poeta homenaxeado pola Real Academia no Día das Letras Galegas

O libro Conversas con Manuel María publicouse por primeira vez na primavera de 1990, hai 26 anos, pola suxestión ou proposta que lle fixo naquel entón X. L. Méndez Ferrín a Víctor Fernández Freixanes.
Fixemos a entrevista durante varios días, sempre de tardiña, no salón da casa que tiñan o poeta e máis a súa dona Saleta na rúa Cardenal, número 30, de Monforte de Lemos. Durante as conversas, tiñamos as fiestras abertas para poder fumar. No remate dalgunha das sesións, a concentración de fume na habitación era tal, que tivemos que tanguelo con libros e revistas para fora, ante o temor de que se decatara a Saleta. A súa dona coidábao con esmero. Nas ceas e xantares, botáballe un pouco de viño frío nun vaso, outra porción de viño do tempo encima, probábao ela para tomarlle a temperatura, e despois dáballo a el para que o degustara.
Durante os días que durou a entrevista, non me pasou desapercibida a engaiolante teimosía do reloxo de cuco que soaba con precisión suíza para marcar as horas. Tempo despois non podía reprimir un sorriso, cada vez que escoitaba o canción “O Cuco”, de Suso Vaamonde, con letra de Manuel María, na que o poeta confesa que trata ao cuco de ti, porque o ten por veciño.
Non se trata dunha entrevista radiofónica, con preguntas pretensiosas, porque o entrevistador tiña claro que debían contar co mínimo peso posible, a modo de indicacións que estableceran pautas, para que continuara o relato, do xeito menos invasivo posible. O autor tiña claro que o importante do libro ía estar nas respostas, nunca na retórica das preguntas. Polo tanto, no audio pódese escoitar o ruído de fondo do tránsito de vehículos pola rúa, mentres se desenvolve a conversa.
Outra cousa que non puiden esquecer foi a celebración dun aniversario, unha noite despois de rematar a sesión de conversas, no “Remansiño da Paz” de Quiroga, cunha cea deliciosa, a base de perdices con ameixas e corzo con cogomelos.
Antes da publicación deste libro, tivemos unha fecunda tempada de colaboración na revista Follas Secas, que durou tres anos, dende 1985 a 1987. Manuel María achegou numerosos poemas e obras de teatro para a mencionada publicación. Pero ademais, Follas Secas dedicoulle un monográfico en 1987, no que colaboraron Camilo Gómez Torres, Manuel Lorenzo, Manuel López Foxo, Francisco José Velozo e María Pilar García Negro.
Follas Secas tamén publicou en 1986 Ritual pra unha tribu capital de Concello, con portada e debuxos de Felipe Senén, que Manuel María consideraba o seu testamento vital e literario.
Manuel María Fernández Teixeiro, autor homenaxeado pola Real Academia Galega o día 17 de maio, é un dos grandes mestres da literatura galega. Conta cunha obra extensa. O propio escritor confesaba que lle gustaba moito falar, e cando non tiña con quen facelo, púñase a escribir. E cando se daba conta, xa tiña outro libro, moitos deles en tan só unha semana. Parte deles utilizounos como arma social e política, nos que primaba o contido por encima da preocupación pola forma. De todos os xeitos, deixou grandes obras, que perdurarán para sempre, como Terra Cha, Os soños na gaiola, Muiñeiro de brétemas, Cancións do lusco ó fusco, Informe pra axudar a alcender unha cerilla, A luz ressuscitada, Oráculos para cavalinhos do demo e Barriga Verde.
A editorial Nova Galicia Edicións, que dirixe Carlos del Pulgar, rescata o libro Conversas con Manuel María, que saíu á luz por primeira vez hai 26 anos. Ofrece unha edición actualizada e ampliada, coa incorporación dun fermoso prólogo do membro da Real Academia Galega Darío Xohán Cabana –tamén poeta da Terra Cha, ao que Manuel María lle fixo no seu día a introdución do Cantigueiro da Terra Cha–, e de media ducia de reportaxes literarios, que aportan luces sobre o autor e a súa época, como “Esplendor e exhuberancia na lírica galega”, “Manuel María en Terra Cha”, “Un puñado de loureiros para o teatro galego”, “Voces Ceibes, o colectivo da Nova Canción Galega que desapareceu hai 43 anos” e “Don Xan da Cova e outros poetastros”, ademais do apartado “Manuel María en imaxes”.
Pero tamén leva como agasallo un CD, dunhas dúas horas de duración, nas que se inclúen seis cortes de voz do poeta, que fala do seu noivado con Saleta, de Uxío Novoneyra, Bernardino Graña, das viaxes que fixo por Galicia polo resto do mundo e do movemento da Nova Canción Galega. O profesor e mítico representante de Voces Ceibes, Vicente Araguas, encárgase de facer as introducións. Tamén se poden escoitar “Dorna”, na voz de María do Ceo; “Idioma meu”, por María Manuela; “O Cuco”, “O Caracol” e “Meu Burriño”, por Suso Vaamonde; “Cantar de cego de Manuel María”, composto por Xosé Lois Foxo e interpretado por unha solista co acompañamento de zanfona da Real Banda; e Vicente Araguas, co seu emblemático e inesquecible tema da canción protesta estudantil galega “O camaleón”. Por último, este CD tamén serviu de soporte para imaxes de alta resolución da mostra “48 momentos con Manuel María”, composta por retratos do autor homenaxeado no Día da Letras Galegas feitos por Martínez Coello.

Por liceo

El Liceo de Ourense es una Sociedad Cultural fundada el 3 de marzo de 1850.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *