Na tardiña de hoxe presentouse no Liceo o libro : «Tostado. El vino noble de Galicia», a cargo do seu autor,  Xavier Castro, e de Ana Méndez,  Responsable de Bodegas Campante, que elabora o Tostado Alma de Reboreda, quénes fixeron un amplo percorrido pola historia deste tesouro.

 

O viño tostado galego é realmente o mellor desta Terra. Un libro do historiador Xavier Castro que desvela o auténtico tesouro que temos en Galicia. Trátase dun dos mellores viños de Europa. Tostado. El vino noble de Galicia é un relato documentado e ameno da súa historia cultural.

O lector atopará neste libro un ensaio escrito con amenidade, sobre un produto moi singular, de profundo arraigo na terra, que máis que un viño é unha promesa de pracer. O Tostado galego, elaborado lentamente cos mellores racimos de treixadura, é un viño naturalmente doce, que se obtén por sobremaduración da uva, do mesmo xeito que o Tokay, o seu parente húngaro e o Sauternes francés (pasificada como eles, pero sen recurso á botritis) que conforman, de xeito claro, a terna dos mellores viños de Occidente. Delicado, amable e á vez rexo (arredor dos 15 grados) constitúe o tipo de elixir que Xulio Camba recomendaba para o acompañamiento da repostaría. Tamén para facer máis grata a conversa da sobremesa, posto que a palabra remollada en bo viño mellora apreciablemente. Trátase aquí do nobre produto que máis felicidade per cápita produciu no país.

O tostado é o gran aristócrata dos viños galegos, o primus inter pares dos caldos máis logrados, que, como toda aristocracia orteguiana xenuina, componse de moi poucos membros. Foi o gran viño dos pazos señoriales, nos que residía a fidalguía galega e tamén dos campesiños viticultores que traballaron a terra gozando dun relativo acomodo. Era o viño reservado para as grandes celebracións e para agasallar aos invitados de nota nos pazos blasonados, nas rectorais dos abades que dispoñían de bos dextros e de ben coidados viñedos e tamén nas casas dos colleiteiros acomodados, con ancha facenda e lareiras de boa sillería.

Este libro refire a historia dun tesouro teimudamente agochado, non nunha remota illa perdida no Pacífico, senón no arquipélago politeísta e múltiple conformado de madeira e pedra, de vetustas doias de barrica e adegas de granito telúrico. Xa saben que as cousas importantes escóndense, non no fondo do vaso, onde Valle-Inclán situaba o segredo do esperpento, senón na dourada superficie dun excelso viño en que se mergulla o beizo na procura dun pracer orixinal. Benvidos ao mosaico dun pequeno universo de modestos pero moi sabios artesáns e ancestrais colleiteiros da terra medieval do Ribeiro.

Por liceo

El Liceo de Ourense es una Sociedad Cultural fundada el 3 de marzo de 1850.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *