A Sociedade Filatélica Miño de Ourense organiza, do 16 ao 30 de maio de 2025, unha exposición especial con motivo do Día das Letras Galegas. A mostra poderá visitarse no histórico Pazo de Oca-Valladares, sede do Liceo de Ourense, e será unha ocasión excepcional para descubrir a riqueza da filatelia vinculada á cultura galega.
A exposición contará con dúas seccións principais: unha dedicada ás coleccións escritas en galego e aquelas cuxo tema se centra en Galicia, reflectindo o papel dos selos, cuños e sobres como elementos de memoria e identidade; e outra con propostas diversas elaboradas polos socios e socias da Sociedade Filatélica Miño (entre os que hai moitos mozos e mozas), que ofrecerán ao público un amplo abano de temas e estilos.
O material filatélico que se presentará – selo, cuño, sobre e tarxeta ilustrada – xurde da estreita colaboración da Miño coa artista barquense Lola Doporto. Baséase na súa obra “As pandeireteiras”.
O acto inaugural terá lugar o venres, 16 de maio, ás 19:00 horas, e contará coa actuación musical do grupo «As da Chispa», herdeiras das Cantareiras homenaxeadas neste ano no Día das Letras Galegas. Unha proposta que mestura tradición, memoria e actualidade para dar inicio a unha exposición que convida a mirar Galicia a través da filatelia.
Sociedade Filatélica Miño anima a toda a cidadanía a achegarse ao Liceo de Ourense e a gozar desta proposta cultural aberta a todos os públicos, nun espazo emblemático que engade valor á experiencia.
Día: Venres, 16 de maio de 2025
Hora: 19:00 h.
Lugar: Liceo de Ourense
Un sáudo.
José Barros Cachaldora
Presidente Sociedade Filatélica Miño