O Concello de Ourense recoñece a extraordinaria achega realizada polo Liceo á cidade outorgándolle a súa máxima distinción: a Medalla de Ouro. O salón de plenos acolleu esta tarde o acto institucional, no que participaron o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, a Corporación municipal, con presenza de todos os grupos políticos, o presidente do Liceo, Javier Casares, e a súa xunta directiva.

Con este acto levouse a efecto o acordo aprobado por unanimidade no Pleno do Concello do pasado día 7 de novembro, no que se decidiu conceder ao Liceo de Ourense a Medalla de Ouro da cidade “en recoñecemento ao seu labor de fomento da cultura, as artes e a educación e a súa contribución á creación dun espírito cidadán aberto ao coñecemento, á tolerancia e ao pluralismo”. Así o destacaron nas súas intervencións o alcalde de Ourense e o concelleiro Armando Ojea, quen realizou a laudatio.

O alcalde cualificou a entrega desta distinción como un “deber de xustiza histórica” cara a “unha entidade privada que se converteu en patrimonio emocional de todos os ourensáns». Nas súas palabras, destacou que o Liceo, desde a súa fundación en 1850, «non foi un club pechado senón unha fiestra aberta pola que entrou a modernidade e o pensamento crítico na nosa cidade”.

Pérez Jácome definiu a institución como «un baluarte de serenidade e de saber facer, e o gran punto de unión da capital», subliñando que se trata dunha entidade que xera consenso e que está «por riba de calquera conxuntura». Dirixíndose ao presidente do Liceo, afirmou que “a medalla que hoxe recibe a entidade leva incrustada a gratitude de xeracións de ourensáns”.
Así mesmo, o rexedor advertiu que esta distinción supón tamén un reto de futuro: “Ourense necesita que o Liceo siga sendo ese motor cultural indomable, receptivo á colaboración coas administracións, como foi sempre, pero mantendo esa esencia independente e plural que o fai único”.

“Ourense é hoxe unha cidade máis digna porque recoñece o valor de quen a fan grande”, aseverou o alcalde, que rematou a súa intervención destacando que “o Liceo foi, é e será sempre o fogar da liberdade e do talento en Ourense”.

 

Por liceo

El Liceo de Ourense es una Sociedad Cultural fundada el 3 de marzo de 1850.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *