ESTATUTOS "EL LICEO DE OURENSE"

 

 

CAPÍTULO I

 

IDENTIDADE, CARACTERES E ESTRUTURA DA SOCIEDADE

 

ARTIGO 1º. -                        A sociedade á que se contraen estes estatutos fundouse o 3 de marzo de 1850 e inscribiuse o 22 de xaneiro de 1884 no Rexistro de Asociacións, co número trece. O 16 de decembro de 1966 foille asignado no Rexistro Nacional de Asociacións o número 3.412, e no Rexistro Provincial o número 35.

                                               Denomínase El Liceo de Ourense e o seu emblema consiste no escudo da cidade de Ourense e, sobregravado, un «L» maiúsculo con caracteres propios, de duración indefinida.

 

ARTIGO 2º. -                        A sociedade El Liceo de Ourense é unha entidade cívica, con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro, que está baixo o amparo do disposto no artigo 22 da Constitución española e acollida á Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación.

                                               A organización e funcionamento da sociedade será democrático e con pleno respecto do pluralismo, sen que poida existir discriminación ningunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

 

ARTIGO 3º. -                        A promoción de actividades artísticas, literarias, deportivas e culturais, en xeral, son fins esenciais da sociedade, que se preocupará, así mesmo, de conseguir o recreo e o solaz dos socios.

                                               A sociedade posibilitará a utilización da súa sede e persoal, para a realización de actos culturais e deportivos de interese cívico, en colaboración con entidades privadas e institucións do Estado, autonómicas e locais, e permitirá, se é o caso, o acceso xeral dos cidadáns aos devanditos actos.

                                               Co obxecto de desenvolver os fins indicados nos parágrafos anteriores, a sociedade poderá integrarse e formar parte de federacións e agrupacións, de ámbito local, autonómico ou estatal, que procuren un tolerante asociacionismo e que faciliten a plural interrelación das actividades sociais.

 

ARTIGO 4.º-                         O domicilio da sociedade radica na cidade de Ourense, nun edificio propio con dúas fachadas, unha á rúa Valentín Lamas Carvajal, número cinco, e a outra á praza do Bispo Cesáreo, sen número.

ARTIGO 5.º-                         O municipio e a provincia de Ourense son o ámbito territorial da sociedade.

           

ARTIGO 6.º-                         Son órganos reitores da sociedade:

                        1. - A Asemblea Xeral de Socios.

                        2. - O Presidente.

                        3. - A Xunta Directiva.

 

            CAPÍTULO II

DOS ÓRGANOS REITORES

 

            SECCIÓN PRIMEIRA. DA ASEMBLEA XERAL DE SOCIOS

 

ARTIGO 7.º-                         A Asemblea Xeral de Socios é o órgano superior que encarna a soberanía da sociedade.

                                               Estará integrada pola totalidade dos socios, malia que o dereito decisorio a través do voto lles corresponde unicamente a aqueles que teñan a categoría de número.

 

ARTIGO 8.º-                         A Asemblea Xeral de Socios poderá constituírse de forma ordinaria ou extraordinaria.

 

ARTIGO 9.º-                         Anualmente, celebrarase unha Asemblea Xeral Ordinaria que, convocada pola Xunta Directiva, terá lugar antes de finalizar o mes de febreiro, coa seguinte orde do día:

a) Aprobación das actas referidas ás asembleas xerais ordinarias e extraordinarias que se celebren no exercicio anterior e que non fosen xa aceptadas.

b) Informe do presidente.

c) Aprobación da memoria, contas xerais e orzamentos, presentados pola Xunta Directiva.

d) Rogos e preguntas dos socios.

                                               A elección de presidente, no ano que corresponda, incluirase na orde do día da referida Asemblea Xeral.

                                               Nese mesmo ano, e dentro do segundo trimestre, celebrarase outra Asemblea Xeral Ordinaria para expoñer e debater canto dispón o artigo 27 destes estatutos.

                                               En ambas as dúas asembleas xerais ordinarias poderá incorporarse, na orde do día, a criterio da Xunta Directiva, algún outro asunto que non precise a súa convocatoria con carácter extraordinario.

 

ARTIGO 10 . -                      As asembleas xerais extraordinarias a que houbese lugar poderán celebrarse por propia iniciativa da Xunta Directiva ou por proposta da décima parte dos socios de número.

 

ARTIGO 11. -                        A convocatoria, coa orde do día de calquera Asemblea Xeral Ordinaria ou Extraordinaria, deberá publicarse con quince días de precedencia á súa celebración, no taboleiro de anuncios da sociedade e no xornal local de maior difusión ou mediante comunicación individualizada aos socios de número, indistintamente.

                                               En todo caso, e ademais das cuestións que motiven a convocatoria da correspondente asemblea, incluirase na orde do día a aprobación da acta da anterior de igual carácter da que traia causa.

                                               Nos casos nos que deban ser tratados en asembleas extraordinarias asuntos de extrema e perentoria urxencia, a Xunta Directiva poderá acordar a redución do prazo sinalado no parágrafo primeiro deste artigo, que nunca será inferior a vinte e catro horas.

 

ARTIGO 12. -                       As asembleas xerais ordinarias e as extraordinarias que se convoquen por iniciativa da Xunta Directiva necesitarán, para constituírse validamente en primeira convocatoria, a asistencia dun terzo dos socios de número e, en segunda, que pode celebrarse seguidamente, non se requirirá quórum ningún.

                                               As asembleas xerais extraordinarias que se celebren por proposta da décima parte dos socios de número deberaas convocar a Xunta Directiva, dentro dos quince días seguintes á presentación da proposta, salvo que a urxencia do tema para debater requira maior brevidade e para constituírse validamente precisarán do quórum sinalado no parágrafo anterior.

                                               As asembleas xerais, xa sexa ordinarias como extraordinarias precisarán, para a adopción de acordos, tanto en primeira como en segunda convocatoria, o voto favorable da maioría simple dos asistentes, cando os votos afirmativos superen os negativos. En caso de empate, dirimirá o voto de calidade do presidente.

 

ARTIGO 13. -                       Cando na orde do día figure a disolución da sociedade, a súa fusión con outra entidade, a absorción activa ou pasiva, a compravenda do edificio social, xa sexa total ou parcialmente, así como a adquisición doutros bens inmobles, o quórum requirido para a constitución da Asemblea Xeral Extraordinaria, en primeira convocatoria, será dun terzo dos socios de número e, en segunda convocatoria, constituirase validamente cos socios que asistan a esta.

                                               Nos supostos aos que se refire este artigo, deberán transcorrer cando menos setenta e dúas horas entre a primeira e a segunda convocatoria, e publicaranse ambas as dúas na forma preceptuada no artigo 11, pero sempre se lles deberá enviar comunicación individualizada aos socios de número.

                                               En tales casos, tanto en primeira coma en segunda convocatoria, para a adopción de acordos, será preciso o voto da metade máis un dos socios de número concorrentes.

 

ARTIGO 14. -                       O presidente e o secretario da sociedade serano, así mesmo, das asembleas xerais que sexan convocadas, tanto ordinarias coma extraordinarias.

                                               O seu desenvolvemento expresarase de xeito democrático e baixo a dirección do presidente, quen coidará de non inhibir as correctas manifestacións dos socios.

 

ARTIGO 15. -                       A vontade expresada polos socios nas asembleas xerais que se celebren poderá adoptar algunha das formas seguintes:

                        1. - Votación nominal secreta.

                        2. - Votación nominal pública.

                        3. - Man alzada ou posta en pé.

                        4. - Aclamación.

                                               Os socios poderán elixir, utilizando o sistema de man alzada entre as formas de expresión da súa vontade, ben por proposta do presidente, ou ben por iniciativa de calquera dos asistentes con dereito a voto.

 

ARTIGO 16. -                       Como órgano superior da sociedade, a Asemblea Xeral elixirá o presidente.

                                               Así mesmo, a Asemblea Xeral pronunciarase sobre o programa de actividades redactado e proposto conxuntamente polo presidente e a Xunta Directiva.

ARTIGO 17. -                       A competencia da Asemblea Xeral estenderase a todos aqueles supostos que non estean expresamente conferidos nestes estatutos a outros órganos da sociedade. A referida Asemblea Xeral poderá delegar nestes últimos algunha das competencias que lle estean atribuídas.

 

SECCIÓN SEGUNDA. DO PRESIDENTE

 

ARTIGO 18. -                       O presidente é o órgano de representación e executivo da sociedade, que rexerá durante o período do seu mandato, asistido pola Xunta Directiva.

 

ARTIGO 19. -                       O presidente, que será elixido pola Asemblea Xeral por un período de catro anos, tomará posesión dentro dos quince días seguintes á súa elección, que lle será conferida polo saínte. Os demais membros da Xunta Directiva tomarán posesión no mesmo acto.

 

ARTIGO 20. -                       Os candidatos que aspiren á presidencia haberán de ser socios de número e serán presentados por cincuenta ou máis da mesma categoría. As candidaturas deberán ter entrada na Secretaría da sociedade, con vinte e catro horas de antelación á celebración da Asemblea Xeral.

 

ARTIGO 21. -                       A cesación do presidente por calquera causa levará consigo a dos demais membros da Xunta Directiva e producirá a necesaria elección de quen haxa de sucedelo, na forma previda nestes estatutos, mediante convocatoria, se fose preciso, de Asemblea Xeral Extraordinaria.

                                               En tal caso, os catro anos de mandato contaranse a partir do mes de febreiro seguinte á data da elección, pero exercerá as funcións o presidente e a Xunta Directiva en plenitude, dende o mesmo momento da súa toma de posesión estatutaria.

 

ARTIGO 22. -                       Serán competencias do presidente:

a) Representar a sociedade.

b) Convocar, presidir e dirixir as sesións das asembleas xerais, ordinarias e extraordinarias, as da Xunta Directiva, as das seccións, así como tamén das comisións que se constitúan, e corresponderalle voto de calidade en caso de empate.

c) Presentar para a súa aprobación á Asemblea Xeral Ordinaria, a memoria, contas xerais e orzamentos que fosen redactados e propostos pola Xunta Directiva.

d) Outorgar poderes xerais para preitos a favor de profesionais da súa libre elección.

e) Practicar ou recibir notificacións e requirimentos de toda clase.

f) Solicitar copias de documentos e certificados que teña dereito a obter a sociedade.

g) Conferirlles delegacións xerais ou específicas a membros da Xunta Directiva, mesmo as de representación da sociedade ante outras entidades.

h) Autorizar co seu visto e prace as actas, certificados, títulos e diplomas expedidos polo secretario da institución.

i) Propoñerlle, se é o caso, á Xunta Directiva, as persoas físicas ou xurídicas merecedoras das distincións propias da entidade.

j) Presentar o informe sobre a situación xeral da sociedade.

k) Promover o eficaz e correcto funcionamento dos servizos e actividades da entidade.

l) Velar polo axeitado exercicio das funcións que prestan os empregados da sociedade.

m) Designar e presentar os membros e cargos da Xunta Directiva na forma que determinan estes estatutos.

n) Supervisar a execución dos acordos da Xunta Directiva e das asembleas xerais e tomar as prevencións que requiran a inminencia das cuestións.

o) Ordenar o pagamento das cantidades que a Xunta Directiva acorde que sexan satisfeitas pola Tesourería.

p) Decidir e ordenar os gastos de mínima contía, así como aqueles que, pola súa perentoriedade, aconsellen as circunstancias, comunicándollo, neste último caso, á Xunta Directiva.

q) Promover o cumprimento destes estatutos e dos regulamentos especiais.

r) Concibir, redactar e propoñer os programas de actividades coa Xunta Directiva.

s) Determinar a constitución das comisións asesoras e de xestión que considere convenientes.

t) Adscribir aqueles membros da Xunta Directiva que han de formar parte de cada unha das comisións delegadas que se constitúan no seo desta.

u) Designar aqueles membros da Xunta Directiva que han de integrarse nas correspondentes seccións.

v) Habilitar os medios aconsellables para resolver cantas cuestións se requiran pola súa urxencia.

 

ARTIGO 23. -                       Todas as resolucións que adopte o presidente e, se é o caso, a Xunta Directiva, serán inmediatamente executivas, salvo en caso da súa impugnación mediante convocatoria dunha Asemblea Xeral Extraordinaria, que haberá de rexerse pola normativa estatutaria e tomaranse, se é o caso, as prevencións tendentes a lle evitar irreparables prexuízos á sociedade.

 

SECCIÓN TERCEIRA. A) DA XUNTA DIRECTIVA

 

ARTIGO 24. -                       A Xunta Directiva, rexida polo presidente, é o órgano de goberno da sociedade e estará constituída por vicepresidente, secretario, contador, tesoureiro, bibliotecario e un número de vogais que non será inferior a catro, nin superior a oito.

 

ARTIGO 25. -                       Os que haxan de ocupar os cargos da Xunta Directiva serán designados polo presidente, unha vez elixido este, entre socios de número, os cales tomarán posesión no prazo sinalado no artigo 19, prorrogando, mentres, o exercicio das súas funcións aos membros da Xunta Directiva anterior.

ARTIGO 26. -                       Os membros da Xunta Directiva exercerán as súas funcións durante o mesmo período que o presidente, se ben este poderá promovelos ou removelos cando se produzan vacantes ou cando as circunstancias sobrevidas o aconsellen.

 

ARTIGO 27. -                       A Xunta Directiva posesionada será presentada polo presidente na Asemblea Xeral Ordinaria, que haberá de celebrarse dentro do segundo trimestre, segundo o disposto no artigo 9º destes estatutos e na que exporán o programa de actividades que se propoñan desenvolver durante o período do seu mandato.

 

ARTIGO 28. -                       Se durante o tempo do seu goberno se producise por calquera causa algunha vacante nos cargos con función prevista, esta será cuberta polo presidente, ben entre os vogais xa existentes ou por outro socio de número que non forme, ata entón, parte da Xunta Directiva. Este proceder será de aplicación en caso de producirse a vacante dun vogal. Todas estas modificacións na composición da Xunta Directiva comunicaranse polo presidente á primeira Asemblea Xeral que se celebre.

 

ARTIGO 29. -                       Para constituírse validamente a Xunta Directiva, requirirase a presenza da metade máis un dos seus compoñentes.

                                               Para a adopción de acordos, será preciso o voto da maioría simple dos asistentes, cando os votos afirmativos superen os negativos e será decisorio, en caso de empate, o do presidente.

 

ARTIGO 30. -                       Corresponderanlle á Xunta Directiva as competencias seguintes:

a) Admitir nas diferentes categorías de socios as persoas que, cumprindo os requisitos estatutarios, así o soliciten.

b) Admitir e destituír os empregados da sociedade, así como instruír e resolver expedientes por faltas laborais que puidesen cometer aqueles.

c) Impoñerlles aos asociados, en cada caso, as sancións que estatutariamente se determinen, así como acordar a súa rehabilitación cando resulte procedente.

d) Fomentar os actos tendentes á mellor convivencia dos socios, no marco dun tolerante pluralismo.

e) Procurar e xestionar o intercambio con outras sociedades cando se xulgue conveniente e en condicións de reciprocidade, así como a súa rescisión en igual caso.

f) Contratar os servizos, así como as actividades previstas no parágrafo c) do artigo 5º por período non superior a cinco anos, que poderá ser obxecto das oportunas renovacións por igual prazo.

g) Explotar directamente os devanditos servizos e actividades aos que se contrae o parágrafo anterior.

h) Solicitar autorización da Asemblea Xeral para realizar as obras de ampliación, reparación e mellora do edificio e instalacións da sociedade, cando a súa contía exceda o consignado para este capítulo no orzamento ordinario.

i) Dispoñer o destino dos bens mobles usados ou deteriorados, na forma máis axeitada aos intereses da sociedade.

j) Contraer gastos, así como o seu financiamento e, en suma, obrigarse polo importe do orzamento máis un vinte por cento. O déficit así contraído figurará como partida no orzamento seguinte. As obrigas contraídas, e que haxan de satisfacerse con cargo a sucesivos exercicios, faranse constar no correspondente balance.

k) Debater e propoñer, para a súa aprobación nos prazos legais pola Asemblea Xeral, a memoria, contas xerais e orzamento.

l) Outorgar as distincións que sexan da súa competencia.

m) Dar cumprimento dos acordos adoptados polas asembleas xerais.

n) Impulsar os fins da sociedade.

o) Determinar a constitución das comisións asesoras e de xestión que se consideren convenientes.

p) Desenvolver e executar o programa de actividades redactado e proposto co presidente.

q) Todos os actos de administración e xestión necesarios para a boa marcha da sociedade.

 

B) DOS DISTINTOS MEMBROS DA XUNTA DIRECTIVA

 

ARTIGO 31. -                       Correspóndelle ao vicepresidente substituír, se é o caso, o presidente, exercendo as funcións atribuídas a este, así como aquelas que lle sexan delegadas.

 

ARTIGO 32. -                       Correspóndelle ao secretario:

                   a) Preparar e cursar as convocatorias, por orde do presidente.

                   b) Redactar as actas.

                   c)             Ter a facultade de certificar das asembleas xerais, Xunta Directiva, seccións e comisións.

                   d) Impulsar e executar os acordos adoptados polos órganos reitores da sociedade.

                   e) Exercer a dirección do persoal laboral.

                   f)  Ser depositario da documentación xeral da sociedade.

                   g) Ter ao seu cargo o inventario do patrimonio inmobiliario e mobiliario da entidade e actualizalo como corresponda.

                   h) Expedir certificados, diplomas e títulos, co visto e prace do presidente.

                   i)  Redactar a memoria anual.

 

ARTIGO 33. -                       Correspóndelle ao contador a intervención das actividades económica e contable da sociedade, levar os libros de contabilidade conforme ás normas específicas que lle sexan de aplicación e, especialmente, visar, expedir e documentar os recibos dos socios, libramentos e toda clase de facturas. Igualmente, redactará os estados mensuais e a conta anual de ingresos e gastos, así como os orzamentos.

 

ARTIGO 34. -                       Correspóndelle ao tesoureiro a execución dos pagamentos e cobramentos que lle sexan ordenados, a custodia dos fondos da sociedade, así como levar un libro de entradas e saídas de caudais.

 

ARTIGO 35. -                       Correspóndelle ao bibliotecario a xestión da biblioteca e hemeroteca da sociedade, procurando a súa actualización e enriquecemento.

 

ARTIGO 36. -                       Aos vogais correspóndelles exercer as funcións que lles sexan encomendadas polo presidente, substituíndo a este ou, se é o caso, ao vicepresidente, pola orde para eles establecida. Tamén poderán formar parte das comisións para as que sexan designados e substituirán temporal ou definitivamente outros cargos directivos, na forma instituída nestes estatutos.

 

ARTIGO 37. -           Todos os cargos directivos da sociedade exerceranse gratuitamente, sen que poida establecerse retribución ningunha para estes.

 

ARTIGO 38. -           As responsabilidades patrimoniais que poidan producirse ou derivarse dos actos de administración ou xestión realizados polos membros dos órganos de goberno, así como polas persoas que obren no seu nome ou representación, serán amparadas total e conxuntamente pola sociedade. As devanditas responsabilidades haberán de estar cubertas mediante a concertación dunha póliza de responsabilidade civil coa entidade pertinente.

 

CAPÍTULO III

 

DAS COMISIÓNS

 

ARTIGO 39. -                       A Asemblea Xeral de Socios, o presidente e a Xunta Directiva poderán determinar, indistintamente, a constitución e nomeamento de comisións asesoras, ás que, ademais, será posible encomendarlles funcións de xestión.

 

ARTIGO 40. -                       Estas comisións, que terán carácter temporal, cesarán cando remate a súa función ou ben por acordo do órgano que as designou.

 

ARTIGO 41. -            Así mesmo, a Xunta Directiva, por proposta do presidente, poderá acordar a constitución de comisións delegadas no seo desta e iso para os efectos de estudar e programar actividades concretas, tanto con carácter permanente coma temporal.

 

ARTIGO 42. -           Os compoñentes da Xunta Directiva haberán de ser adscritos a unha ou varias das comisións delegadas que se creen, e iso segundo o criterio e por proposta da presidencia, e coa aceptación daqueles.

 

ARTIGO 43. -           O presidente e o secretario da sociedade exercerán como tales nas comisións que se constitúan e, non obstante, poderán delegar as súas funcións nalgún dos seus membros.

 

CAPÍTULO IV

 

DAS SECCIÓNS

 

ARTIGO 44. -           Constituiranse, no marco da sociedade, as seccións de Arte e Historia, de Literatura, de Música e Canto, de Ciencia e Tecnoloxía, de Natureza e Sendeirismo, e de Xogos, así como aquelas que no futuro se consideren de interese para o mellor funcionamento e desenvolvemento das actividades sinaladas no artigo 3º dos presentes estatutos sociais.

 

ARTIGO 45. -           Poderán integrarse, indistintamente, nas seccións constituídas, aqueles socios que o soliciten voluntariamente, logo da convocatoria e subseguinte inscrición, e de xeito individualizado.

                                               En determinadas circunstancias, a Xunta Directiva poderá aceptar a participación nos actos programados e organizados por algunha das seccións, daquelas persoas que o interesen e que se considere relevante a súa adhesión, xa sexa individual ou colectivamente, e iso co fin de impulsar a colaboración da cidadanía no desenvolvemento de actividades culturais e cívicas.

                                               Estas últimas persoas que participen no quefacer propio das seccións non terán nin exercerán dereito ningún como socios da sociedade, e poderalles ser de aplicación, se é o caso, o sinalado no artigo 57 dos presentes estatutos para os socios singulares.

 

ARTIGO 46. -           A dirección de cada unha das seccións corresponderalle á persoa, sexa ou non socia, que sendo elixida e nomeada pola Xunta Directiva, se distinga pola súa capacidade e coñecemento da materia concreta para desenvolver por estas.

                                               Poderá constituírse, se é o caso, unha Xunta de Goberno propia para cada sección, a cal estará formada por persoas, socias ou non, que enriquezan e eleven o seu nivel. Necesariamente, contarán coa aprobación da Xunta Directiva da entidade algúns de cuxos membros se integrarán, como mínimo paritariamente, no órgano de goberno que se constitúa, e sempre baixo a presidencia do titular da sociedade ou do directivo en quen este delegue.

 

ARTIGO 47. -           Cada unha das seccións, en particular, poderá redactar e xestionar o seu propio orzamento de ingresos e gastos, que quedará incluído como partida concreta no orzamento anual da sociedade e que deberá ser aprobado pola Asemblea Xeral.

 

ARTIGO 48. -           A programación e organización das actividades das diferentes seccións será sometida ao coñecemento e aprobación da Xunta Directiva, que quedará comprendida no quefacer xeral da sociedade.

 

CAPÍTULO V

DOS SOCIOS

 

SECCIÓN PRIMEIRA. DA CONDICIÓN E ADMISIÓN DE SOCIOS

 

ARTIGO 49. -                       Terán a condición de socios todas aquelas persoas que, solicitándoo voluntariamente e estando legal e estatutariamente capacitadas para o efecto, sexan admitidas como tales pola Xunta Directiva.

 

ARTIGO 50. -                       A solicitude interesando a admisión como socio será referendada pola sinatura de dous que o sexan de número.

 

ARTIGO 51. -                       A pretensión para incorporarse como socio deberá ser examinada e decidida en sesión de Xunta Directiva e necesitarase, para a súa admisión, o voto favorable da maioría absoluta dos membros presentes e sen que poida existir discriminación ningunha polas razóns sinaladas no artigo 2º, parágrafo 2 dos presentes estatutos.

ARTIGO 52. -                       Non poderán ser admitidos como socios:

            a)        Os menores de idade, salvo os que teñan a consideración de xuvenís.

            b)        Os debedores á sociedade.

            c)        Os concesionarios de servizos.

            d)        Os retribuídos pola sociedade.

 

 

            SECCIÓN SEGUNDA. DA CLASE DE SOCIOS

 

ARTIGO 53. -                       Os socios poderán ser de honra, número, entrada, singulares e xuvenís.

 

ARTIGO 54. -                       Os socios de honra son aquelas persoas, individuais ou colectivas, ás que lle sexa concedida tal distinción pola Asemblea Xeral, ben por proposta da Xunta Directiva ou a petición da décima parte dos asociados que o sexan de número.

 

ARTIGO 55. -                       Os socios de número son aqueles que ocupan a devandita categoría no momento de entrada en vigor destes estatutos, así como os que a partir deste momento lles corresponda alcanzala. Adquirirán automaticamente a condición de socio de número os de entrada, unha vez transcorridos catro anos como tales, e os que cumpran os requisitos económicos que se establezan para o efecto.

 

ARTIGO 56. -                       Os socios de entrada son aquelas persoas que, solicitando o seu ingreso na sociedade, sexan admitidas pola Xunta Directiva, e iso segundo as normas establecidas nos presentes estatutos.

 

ARTIGO 57. -                       Os socios singulares son aquelas persoas ás cales, por razóns de idade, situación económica ou relación familiar, valoradas xustamente pola Xunta Directiva, interesen e sexan admitidas a participar nas actividades da sociedade, utilizando as súas dependencias, e sempre a título individual.

                                               Superadas as razóns de cada caso particular, e transcorridos polo menos catro anos dende a data de admisión, poderán incorporarse na categoría de número ou causar baixa na sociedade.

 

ARTIGO 58. -                      Os socios xuvenís son as fillas e fillos de socio de entrada ou de número que así o soliciten, con idade comprendida entre os dezaseis e os vinte e cinco anos, condición que poderá prorrogarse a xuízo da Xunta Directiva de xeito específico e concreto, e sempre que aqueles non adquirisen a independencia económica necesaria. Cumprida a idade correspondente, incorporaranse como socios de número ou, en caso de ser de aplicación, como socios singulares.

 

SECCIÓN TERCEIRA. DOS DEREITOS E DEBERES DOS SOCIOS

 

ARTIGO 59. -                       Son dereitos dos socios:

                   a)             Os de número, o de voz e voto nas asembleas xerais, ordinarias e extraordinarias. Os de entrada terán soamente dereito de voz. E os demais socios, de presenza.

                   b) O de uso e desfrute dos bens e servizos da sociedade e a asistencia a todos os actos organizados por esta, coas limitacións que estableza a Xunta Directiva para casos especiais ou excepcionais.

                   c) O de ser proposto como membro da Xunta Directiva, reunindo os requisitos estatutarios.

                   d) Á participación na cota do patrimonio a que houbese lugar nos supostos sinalados do artigo 85 destes estatutos e soamente respecto daqueles asociados que ocupen a categoría de número.

                   e) Aos demais dereitos non previstos nos parágrafos anteriores e que se deriven da normativa estatutaria.

 

ARTIGO 60. -                       Son deberes dos socios:

                   a) Observar as regras esixidas pola convivencia social.

                   b) Cumprir as normas establecidas nestes estatutos, así como as determinacións da Xunta Directiva ditadas dentro do ámbito da súa competencia.

                   c) O pagamento das cotas mensuais ou as que no futuro poidan establecerse.

                                               Exceptúanse os socios de honra, que estarán eximidos de tal obriga, e tamén aqueles socios nos que, concorrendo supostos excepcionais, así o acorde a Xunta Directiva.

 

SECCIÓN CUARTA. DAS SITUACIÓNS ESPECIAIS

 

ARTIGO 61. -                       O cónxuxe de socio, xa sexa de entrada ou de número, poderá frecuentar a sociedade e asistir aos actos que se celebren nesta.

                                               As fillas e fillos de tales socios, menores de dezaseis anos, soamente poderán asistir aos actos programados para eles ou, dun xeito circunstancial, acompañados dos seus pais.

 

ARTIGO 62. -                       Serán admitidos, segundo corresponda, como socios de entrada ou de número:

                   a) O cónxuxe de socio, mediante a cesión da titularidade por este.

                   b) O cónxuxe viúvo, que se subrogue ao falecemento de titular.

                   c) O cónxuxe separado ou divorciado, que desexe causar alta na sociedade.

                                               Nos dous primeiros casos, o novo asociado manterá o mesmo número de orde na categoría que tivese o socio anterior.

                                               En todos os supostos, os novos socios ocuparán a mesma situación e iguais dereitos e deberes que os que tivesen atribuídos aqueles dos que traian causa.

 

ARTIGO 63. -                       Con carácter extraordinario, a Xunta Directiva estará facultada para lles permitir a entrada e frecuentar as dependencias da sociedade aos familiares do socio que así o solicite. Tamén cabe conceder igual dereito ao cónxuxe e fillos do socio falecido. En ambos os dous casos, poderá ser de aplicación o establecido no artigo 57 destes estatutos para os socios singulares.

 

ARTIGO 64. -                       O forasteiro que fose presentado por un socio poderá obter da Xunta Directiva, coas condicións que se determinen, autorización para frecuentar as instalacións da sociedade e asistir aos actos organizados por esta. O desfrute deste beneficio non poderá exceder dun mes.

 

ARTIGO 65. -                       Os que, sendo socios desta entidade, residan fóra do municipio e da provincia de Ourense, gozarán do dereito concedido no artigo anterior, sen necesidade de presentación previa.

 

ARTIGO 66. -                       Os socios dados de baixa por ausencia xustificada do municipio e provincia de Ourense e que volvesen de novo a residir nestes, logo da solicitude dirixida á Xunta Directiva, poderán reingresar na categoría de socio que tivesen no momento de producirse a súa baixa, pero sen dereito á reserva do número de orde que anteriormente ocupasen.

 

 

SECCIÓN QUINTA. DA PERDA DA CONDICIÓN DE SOCIO

 

ARTIGO 67. -                       A perda da condición de socio, nas circunstancias e cos dereitos que dela se deriven, será:

            a)        A petición propia.

            b)        Por falecemento.

            c)        Polas demais causas que determinen estes estatutos.

 

 

CAPÍTULO VIN

DE CONTRAVENCIÓNS, CORRECCIÓNS E RECURSOS

 

ARTIGO 68. -                       Considérase infracción o incumprimento das obrigas establecidas no artigo 60 destes estatutos.

 

ARTIGO 69. -                       A Xunta Directiva, segundo a gravidade, transcendencia e irreparabilidade da infracción, cualificará esta de leve, grave ou moi grave, e imporá unha sanción axeitada, que poderá comprender ou graduarse entre a simple amoestación persoal e a expulsión definitiva.

 

ARTIGO 70. -                       Neste último suposto, o sancionado poderá solicitar da Xunta Directiva a súa rehabilitación, unha vez transcorridos catro anos e, no caso de non acceder este a esta, poderá repetir a petición ante a Asemblea Xeral.

 

ARTIGO 71. -                       En todo caso, deberá esixírselle ao infractor a reparación económica do dano material que causase.

 

ARTIGO 72. -                       As sancións que leven aparellada a suspensión temporal ou definitiva do socio han de ser precedidas da instrución dun expediente, no que se oirá necesariamente o infractor.

 

CAPÍTULO VII

DAS DISTINCIÓNS

 

ARTIGO 73. -                      A sociedade poderá premiar os méritos que contraian os seus asociados e empregados, así como os servizos que lle presten persoas ou colectivos alleos á entidade. Para tal fin, créanse as seguintes distincións: A) Nomeamento de Socio de Honra, B) Concesión da Medalla de Ouro, C) Concesión da Medalla de Prata, D) Imposición da Insignia de Ouro.

 

ARTIGO 74. -                       O nomeamento de Socio de Honra corresponderalle á Asemblea Xeral, cos requisitos sinalados no artigo 54 destes estatutos, e poderá recaer en persoas, individuais ou colectivas, tanto nas que non concorra a condición de socio, coma nas que xa o sexan, conservando, neste último suposto, todos os seus dereitos. En todo caso, faranse merecedores de tal distinción polos relevantes servizos prestados á sociedade ou en virtude dos seus méritos persoais.

                                               A concesión da Medalla de Ouro será facultade da Xunta Directiva e poderá outorgárselles a aquelas persoas, sexan ou non socios, así como a colectivos, que se distinguisen polos seus relevantes e especiais méritos de colaboración, no cumprimento dos fins sociais ou por servizos moi sobresaíntes prestados á entidade.

                                               A concesión da Medalla de Prata será competencia da Xunta Directiva e poderá outorgárselles a aqueles asociados e empregados que, pola súa dedicación e permanencia na entidade, se estime sexan merecedores desta.

 

                                               A imposición da Insignia de Ouro será complementaria das demais distincións sinaladas nos parágrafos anteriores. Tamén se lles poderá outorgar a persoas individuais ou colectivas, sexan socios ou non, en determinadas circunstancias que haberán de ser valoradas pola Xunta Directiva.

 

ARTIGO 75. -           Do outorgamento das Medallas de Ouro e Prata acordado pola Xunta Directiva darase conta, no seu momento, á Asemblea Xeral.

 

                                               A Secretaría levará o rexistro de todas as distincións que conceda a sociedade.

 

CAPÍTULO VIII

DO PATRIMONIO E RECURSOS ECONÓMICOS

 

ARTIGO 76. -           A sociedade terá plena autonomía para a administración dos seus propios recursos orzamentarios ou patrimoniais, concretándose a responsabilidade económica ao seu ámbito.

                                               O funcionamento da sociedade regularase polo réxime de orzamento.

                                               O orzamento ordinario de ingresos e gastos redactarao a Xunta Directiva e será aprobado nos prazos legais pola Asemblea Xeral.

                                               Os exercicios económicos coincidirán co ano natural.

 

ARTIGO 77.º-           O patrimonio social está integrado polo inmoble sede desta e os bens mobles que figuren en inventario, así como polos ingresos que se obteñan dos conceptos seguintes:

a) Cotas aboadas polos socios.

b) Subvencións e doazóns de calquera orde.

c) Os obtidos pola explotación de servizos, así como os que se xeren do exercicio de actividades permitidas pola lei.

                                               Ademais, este patrimonio poderá incrementarse coas futuras ampliacións e adquisicións que, para o desenvolvemento dos fins enunciados no artigo 3º, fosen aprobadas como aconsellables e posibles.

 

ARTIGO 78. -                       A Asemblea Xeral fixará anualmente, e por proposta da Xunta Directiva, as cotas que lles han de corresponder ás diferentes categorías de socios. En todo